Os concellos da comarca do Eume axuntan esforzos para incrementar o seu peso turístico

Un roteiro de miradoiros do Eume, un novo servizo de bicicletas eléctricas ou a instalación de bungalows flotantes no lago Ponte son algunhas das medidas pensadas

Fragas do Eume.

Fragas do Eume.

O Concello das Pontes, xunto cos Concellos de Pontedeume, Monfero, Cabanas e A Capela axuntan esforzos co obxectivo de incrementar o peso turístico da comarca do Eume e promover o turismo sustentable.

Planes de Sostenibilidad Turística en Destinos

A primeira acción levada a cabo polas cinco entidades locais é a presentación dunha candidatura da comarca ao Programa “Planes de Sostenibilidad Turística en Destinos” da Secretaría de Estado de Turismo. Un plan que apoia ao investimento, dotado con 53 millóns de euros, en actuacións de impulso, adecuación e mellora dos destinos turísticos para aumentar e potenciar a súa sustentabilidade.

Fragas do Eume como principal protagonista

O obxectivo da candidatura da Comarca do Eume é, desde os diferentes municipios, aportar solucións que permitan regular os fluxos turísticos na comarca, incrementar o peso do turismo nos cinco territorios, a través do tratamento global da comarca por medio da creación dunha oferta turística de calidade, entorno ás Fragas do Eume, que permita mellora a chegada de visitantes e turistas e repercuta positivamente e de forma directa sobre a poboación local.

Neste sentido, Elena López, concelleira de Turismo nas Pontes sinala que “a través deste proxecto queremos ofrecer un destino máis atractivo, sostible, desestacionalizado, integrando activos culturais e patrimoniais, para impulsar o desenvolvemento económico e social, para deste xeito, revitalizar a comarca no seu conxunto”.

Accións previstas para potenciar a oferta turística

Entre as accións propostas, co obxectivo de mellorar e poñer en valor a oferta turística, destacan a creación de diversas áreas de caravanas, a creación dunha ruta de miradoiros do Eume, a posta en marcha dun novo servizo de bicicletas eléctricas, instalación de bungalows flotantes no lago Pontes, a preparación dunha exposición itinerante dos restos arqueolóxicos deste municipio ou dunha ruta cultural entorno aos mosteiros da comarca e da familia Andrade.

Ademais propóñense melloras nos accesos ao Parque Natural Fragas do Eume por A Capela, o acondicionamento do mirador da Carboeira e o da parroquia de Soarrea, no concello de Cabanas e a implementación de solucións tecnoloxías turísticas no Castelo de Nogueirosa, Lago das Pontes, Mosteiros de Caaveiro, Monfero e a Capela.

Por outra banda, co obxectivo de mellorar os sistemas de información comunicación e proxección da marca turística dos diferentes municipios crearase unha imaxe de marca conxunta, vídeos promocionais e unha páxina web e asistirase a feiras sectoriais de referencia.

Salir de la versión móvil