Debido á alta demanda de participación nas visitas guiadas á exposición «750 anos construíndo a historia de Pontedeume», o Concello de Pontedeume amplía o seu programa durante todo o mes de outubro.
A exposición, que está aberta ao público de forma diaria ata o día 4 de novembro en horario de 18.00 a 20.00 horas, volverá a acoller a realización de visitas guiadas, que se realizarán os días 5, 6, 14, 20 e 30 de outubro en horario de 17.00 a 18.00 horas. Para asistir ás mesmas é necesario realizar a inscrición previa na Oficina de Turismo ou no teléfono 981430270.
A historia de Pontedeume
Esta exposición articúlase ao longo de16 espazos conceptuais e pódense atopar tanto pezas históricas documentais como reproduccións de gran importancia vinculadas directamante coa vila eumesa.
Neste repaso pola formación da localidade destácanse algúns fitos como a orixe da ponte de pedra e as súas primeiras mencións documentais ou a importancia da existencia dos mosteiros na nosa comarca. Unha parte relevante da exposición está dedicada a Casa dos Andrade e ao seu mecenado, a evolución desde un estado da Familia dos Andrade ata a aparición dos concellos ou as Revoltas Irmandiñas.
Esta exposición é unha oportunidade para achegarse á historia da vila dunha maneira didáctica e amena nunha exposición que amosa o compromiso do Concello de Pontedeume coa riqueza documental, histórica, patrimonial e cultural nunha data tan importante como son os 750 anos desde a súa fundación.