Pontedeume denuncia o acto vandálico que deixou sen cabeza á estatua de San Nicolás

Dende o Concello fan un chamamento para que non se repitan nunca máis este tipo de actos deplorables que atentan contra o patrimonio local

O Concello de Pontedeume lamenta e considera “inaceptable e moi triste” o acto vandálico sucedido na pasada madrugada contra a estatua de San Nicolás da Igrexa de Santiago, cuxa cabeza foi arrincada.

Desgraciadamente, non é a primeira vez que é arrincada a cabeza desta estatua, posto que xa fora reparada por un acto vandálico similar un par de anos atrás. Grazas á colaboración veciñal, a cabeza foi recuperada esta mesma mañá e pronto comezarán os traballos de restauración.

Tanto a Policía Local como a Garda Civil traballan para esclarecer o acontecido, a investigación está moi avanzada e pronto haberá datos do responsable ou responsables destes feitos.

Desde o Concello de Pontedeume quixeron facer un chamamento público para que non se repitan nunca máis este tipo de actos vandálicos, unha conducta deplorable e un atentado contra o patrimonio local.

A pesar de que a estatua xa sufrira varias restauración debido a outros actos vandálicos, ditos actos incívicos non son habituais en Pontedeume: “temos unha veciñanza que en liñas xerais sempre demostra un comportamento exemplar, por iso consideramos inconcebibles estas actitudes. Non é esta a imaxe que queremos para Pontedeume, é tarefa de tod@s facer do noso concello un lugar mellor”, aclaman dende a casa consistorial.

Salir de la versión móvil