O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández, asinaron o convenio de colaboración para financiar as obras de acondicionamento da zona de entrada do Camiño Inglés ao núcleo urbano do municipio.
As obras supoñen un investimento de 95.492,18 euros, dos que o 80% -76.393 €- serán achegados pola Deputación para así contribuir na recuperación e posta en valor deste espazo, adecuándoo ao entorno e ao seu valor patrimonial e turístico como punto de entrada do Camiño Inglés ao núcleo de Pontedeume.
Dende o Concello de Pontedeume quixeron suliñar que esta actuación permitirá continuar coa axenda de mellora dos espazos públicos de Pontedeume, ademais de destacar esta zona como unha das principais portas de entrada a Pontedeume, ampliando a importancia da vila no Camiño Inglés.
Os traballos que se acometerán consisten na eliminación do pavimento existente que será substituído por un novo firme de lousas de pedra, máis acorde co entorno, que continuará o Camiño desde a ponte pedra ata o cruce cara a praza de España, prolongándose por diante da Casa do Mar para enlazar despois co resto do paseo marítimo. Renovarase tanto a zona de tráfico de vehículos coma a peonil, optimizando o espazo para garantir prazas de aparcamento.
Ademais, instalarase un pavimento de formigón desactivado no resto da praza e manteranse as dúas zonas verdes existentes, aínda que se substituirán as árbores actuais por catro tamarindos coma os do paseo ao outro lado da Casa do Mar, e modificarse o emprazamento da escultura e do panel informativo.
Tamén se instalarán novos bancos de madeira e unha nova iluminación LED empotrada no firme, que mellorará tanto o aspecto estético coma a visibilidade e seguridade dos peóns na zona. Previamente á execución destes traballos realizaranse melloras na rede de saneamento.