O Concello de Pontedeume sacou a licitación o contrato para proceder á pavimentación da rúa Río Eume e a praza Mestre Álvaro Vázquez Penedo. As obras suporán ás arcas municipais un investimento de 35.000 euros e as empresas interesadas teñen de prazo ata o próximo 8 de outubro para optar aos traballos.
«Trátase dunha actuación moi necesaria, polo mal estado do pavimento actual e pola densidade de tráfico que rexistra a diario a zona», relatou o concelleiro de Obras de Pontedeume, Daniel Ríos. Ademais destas obras, están tamén en proceso de licitación as que o consistorio realizará na travesía Río Eume, polo que toda a manzana contará cun pavimento renovado.
Desde o ano 2015, o actual grupo de goberno do Concello de Pontedeume puxo en marcha un plan integral de renovación do conxunto de servizos e infaestruturas municipais, tanto no casco urbano como nas parroquias.