A Ponte de pau e a Xira ao río Eume

A Ponte de pau e a Xira ao río Eume | Sindo Vilariño

Nun especial de prensa sobre as Festas das Peras publicado o sete de setembro de 1947, Antonio Couceiro Freijomil asinaba un artigo, co titulo “A ponte de pau”,  no que facía referencia aos anos do século XIX en que os eumeses estiveramos condenados a un verdadeiro illamento, debido ao derrubamento de tres arcos da nova ponte de pedra por mor dunha enchente do rio.

A ponte actual, que substituíu a vella ponte gótica medieval, se termina de construír no 1869 e entra en funcionamento en 1870. Poucos anos mais tarde, no ano 1874, prodúcese esa forte riada que deixa incomunicados durante mais de sete anos aos habitantes da comarca eumesa. As autoridades encárganlle ao contratista Xoaquín Plá que levante á beira este da ponte de pedra derrubada unha ponte de madeira provisional, sendo o redactor do proxecto o enxeñeiro Eduardo Vila. A ponte de pau, de 227 metros de lonxitude e cinco metros de ancho, entra en funcionamento no ano 1881.

Durante eses sete anos de incomunicación terrestre,  o paso de persoas, animais e mercadorías entres as dúas beiras do río Eume se levaba a cabo en lanchas e barcazas, que tiñan que loitar moitas veces coas fortes correntes e os ventos de nordeste.

Xira ao Eume. 11 setembro 1916

Sostén Couceiro Freijomil que un dos organizadores das festas patronais neses anos, Francisco Anca y Soler, quizais con motivo de rememorar aquel festivo transbordo marítimo-fluvial que tiñan que realizar os habitantes da outra banda da ponte para acudir ás festas das peras durante os anos de illamento, ideou a nomeada “Xira ao Eume” que se celebra o día once de setembro. Parafraseando a Couceiro Freijomil, unha feliz iniciativa pola que merece perpetuo recordo.

Se tomamos por certo o achegamento que fai Couceiro, debeu logo comezar a celebración da “Xira ao Eume” a finais dos anos oitenta do século XIX .

A primeira referencia que atopamos da celebración da mesma é do ano 1888 . Ao ano seguinte  viñeron  convidadas  personalidades de Betanzos, -vila que levaba xa bastantes anos celebrando a romaría dos Caneiros-,  entre os que figuraban os redactores do periódico brigantino “Las Riberas del Mendo”, e participan na xira con embarcación propia, converténdose a festa nun acto de irmandade coa cidade veciña.

No ano 1890, o poeta Galo Salinas Rodríguez, que vivía neses anos en Pontedeume onde rexentaba unha escola de primaria, fai unha descrición da xira ao Eume nunha carta enviada ao director do semanario brigantino “El Mendo”, festa á que asiste convidado polo alcalde Xoán A. Sardiña Barceló. O barco das autoridades ía engalanado con bandeirolas e gallardetes, e nel  tamén viaxaba a banda de música que ameniza a festa. Escribe Galo Salinas: “… alí, comeuse, bailouse, bebeuse, empezou a toleira,…máis sen soar unha soa nota discordante que descompuxese a alegría xeral naquel concerto formado por un pobo culto que se respecta. Felicítoos”.

Xíra ao Río 1913

Máis de cen anos leva de vida a “Xira ao Eume” como número obrigado das festas das peras, a pesares dos  altibaixos na concorrencia de publico e embarcacións e, ás veces, da pouca promoción da mesma polas comisións de festas correspondentes. E non digo nada novo se afirmo que nestes últimos anos moitos eumeses logo de cantar a popular canción na que piden ter ese día libre, de “asuntos propios”,  esquécense de rematar a troula ás beiras do Eume.

As obras de reconstrución da ponte de pedra remátanse a finais do 1888, e en abril do ano seguinte realizase a poxa para a demolición e aproveitamento de materiais da ponte de pau.

Salir de la versión móvil