A Casa da Cultura de Pontedeume acolleu onte pola tarde o acto de presentación da nova publicación da Revista Cátedra. A edición deste ano vén marcada polos 750 anos do nacemento da vila de Pontedeume. Neste número preséntanse artigos de investigación con temáticas como as coleccións fotográficas existentes na fundación Amatler, o Castro de Centroña, así como estudos etnográficos sobre a iconografía simbólica espallada pola comarca eumesa ou o premio de investigación acadado en 2019 por Manuel Bouza Faraldo, titulado “Polo camiño do deporte eumés”.
A revista publicouse por primeira vez en 1994 recollendo artigos de investigación dedicados á antropoloxía, ó pensamento, á arte e á historia da comarca eumesa. Como en cada edición, Cátedra medra ano tras ano sendo un dos piares básicos para pór de relevo o devir histórico da comarca e das súas xentes, converténdose no mellor vehículo transmisor da riqueza cultural, patrimonial e histórica.
Todas as persoas interesadas poden recoller un exemplar na Oficina de Turismo en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00.
