A comezos do ano de 1921, hai cen anos, prodúcese un atentado en Pontedeume con arma de fogo contra Gonzalo Prego Punín, avogado e alcalde da vila desde xaneiro do 1910 a decembro de 1913, polo partido conservador.
Na sesión ordinaria do Concello de Pontedeume do oito de xaneiro , o alcalde José Couceiro dá conta do atentado perpetrado á noitiña do día seis, contra o prestixioso avogado, ex alcalde e actual concelleiro , don Gonzalo Prego Punín, no sitio do Penso, inmediato ao Areal de Cabanas. O Pleno da Corporación acordou, por unanimidade, consignar en acta o seu sentimento e indignación e a máis enérxica protesta contra feito de tal natureza…
O diario El Orzán da Coruña, faise eco da noticia no seu nº 875, de nove de xaneiro, e baixo o titular “Un grave atentado “, relata os feitos :
O seis de xaneiro, día de Reis, a iso das seis e media da tarde regresaba en coche dunha viaxe o avogado e ex alcalde Gonzalo Prego Punín, e ao chegar ao lugar coñecido como “O Penso” (Cabanas) soou un disparo ás costas do coche. O disparo alcanzou o ombreiro dereito e ao saír o ferido do coche viu que un home fuxía campo a través. Segundo as investigacións practicadas polas autoridades acudidas no lugar, fixéronse dous disparos desde a traseira do coche, onde empolicouse o autor do atentado. O primeiro tiro fallou.
As feridas non revisten gravidade, e das mesmas recuperase no seu domicilio. Pola relevancia política de quen recibe o disparo, unha das persoas máis influentes dos conservadores do distrito, liderados polo Marqués de Figueroa, o atentado adquire tinguiduras políticas e polo menos así o entenden as súas amizades e compañeiros políticos. Estes constitúen un depósito de 5.000 pesetas como premio para a persoa que descubra ao autor do disparo.
Se temos en conta a conflitividade social imperante nestes anos en España, con atentados a patróns, sindicalistas, políticos e autoridades, baixo unha perversa espiral de acción-reacción, e a personalidade política de Gonzalo Prego e a súa pertenza ás elites adiñeiradas que controlaban a vida social e política, podería darnos pistas sobre o motivo do intento de asasinato.
Reitéranse os actos de adhesión á súa persoa, e unha gran manifestación de repulsa do atentado celébrase o 24 de xaneiro, na que segundo a prensa participan 4.000 persoas. Os manifestantes concéntranse na Praza do Conde, e percorren todo o pobo no seu apoio, finalizando o percorrido diante do seu domicilio, e desde un dos seus balcóns dirixiranse aos concentrados, Román García Novoa, Gobernador civil de Burgos e cuñado de Gonzalo Prego, e o deputado provincial pola Coruña, Sr. Aperribay . Parece que o atentado queda impune, e non se chegan a determinar as causas reais que o puideron motivar.
Un atentado similar, pero este con fatal desenlace, e con vítima mortal, produciuse anos atrás, o 27 de decembro de 1886 contra o tamén avogado eumés Crisanto Rivadas. Na noite do 27 cando se dirixía dacabalo ao seu domicilio en Pontedeume, desde a vila de Mugardos onde asistira a un xuízo no Xulgado Municipal, foi emboscado no lugar de Fraián de San Martiño do Porto (Cabanas), recibindo un tiro de revolver que lle atravesou a man e deulle no peito un pouco máis abaixo do corazón. Acudiron os médicos de Pontedeume e declararon que era mortal, falecendo o ferido uns días máis tarde. O avogado morto deixaba oito fillos e á súa esposa embarazada. Aínda que se produce a detención dalgún sospeitoso, non se chega a deter ao asasino.
Tamén polos mesmos dias de xaneiro do ano 1921, outro atentado salta aos medios de comunicación, pola súa brutalidade. A un mestre nacional de Chantada envíanlle unha caixa semellando un agasallo cara a súa persoa, e cando o mestre o abre dentro da casa, unha bomba de dinamita estóupalle na cara, matándoo no acto. Neste caso, aos poucos días deteñen a un pai e o seu fillo, como sospeitosos do asasinato, pois mantiñan unha inimizade manifesta coa vítima.
E, xa noutro nivel, non podemos esquecer que o oito de marzo do mesmo ano, prodúcese un atentado, executado por tres anarquistas cataláns que realizan mais de vinte disparos desde un sidecar na Porta de Alcalá en Madrid, e que ségalle a vida ao Presidente do Consello de Ministros, Eduardo Dato Iradier, nado na Coruña.
Gonzalo Prego Punín, casado con Cristina García Novoa, coa que terá trece fillos, continuará coa súa vida normal e coa súa carreira política, sendo elixido en xuño do mesmo ano , deputado provincial do distrito Arzúa-Ordes no que estaban integrados 18 concellos, e sendo o candidato máis votado dos catro deputados elixidos.
Despois dunha longa vida, falecerá no seu domicilio natal de Leiro -Miño, o 17 de setembro de 1961.
Discussion about this post