O proxecto de realidade aumentada ‘Camiñando polo Pontedeume medieval’, presentado polo Concello de Pontedeume, foi un dos proxectos seleccionados pola Xunta de Galicia dentro do seu programa ‘O teu xacobeo’.
Grazas a esta aplicación e ás mesas interpretativas e peanas ubicadas na ponte da Pedra, no Torreón dos Andrade, na Alameda de Raxoi e na Igrexa de Santiago, todos os interesados e interesadas poden achegarse ao pasado medieval da vila, que este ano cumpre sete séculos e medio desde a súa fundación.
A aplicación, que estará dispoñible desde o 20 de outubro para a súa instalación en dispositivos móbiles a través de códigos QR, desexa facer fincapé na importancia do Camiño Inglés invitando ás usuarias e usuarios a pasear por Pontedeume e a visitar os catro lugares anteriormente citados acompañados de Margery Kempe, primeira peregrina da que se ten constancia documental do seu paso por esta ruta jacobea no ano 1417.
“Grazas á aplicación desenvolvida podemos visualizar e adentrarnos na estrutura da antiga ponte e o seu hospital de peregrinos, as antigas murallas e portas de entrada á vila, o entorno da Praza do Conde onde se recrea o antigo Pazo dos Andrade, ademáis de coñecer a evolución da Igrexa de Santiago ou a estrutura do antigo Convento dos Agostiños e a súa antiga ‘Horta dos Frades’, actual Alameda de Raxoi”, explica Yolanda Vázquez, concelleira de Turismo.
Toda unha oportunidade de desfrutar dunha experiencia enriquecedora que pon ás usuarias e usuarios en contacto co patrimonio histórico e cultural da vila dos Andrade, coñecendo a evolución dos elementos monumentais de Pontedeume.
Esta aplicación aspira a ser toda unha plataforma interactiva de difusión e promoción do patrimonio histórico eumés, ademáis de convertirse nunha ferramenta de utilidade tanto no ámbito da educación como da investigación.
Desde os departamentos de Cultura e Turismo, déstacase a rigurosidade do gran traballo de documentación e recopilación histórica realizado e a súa integración coas novas tecnoloxías, que procura achegar o pasado histórico e sensibilizar e concienciar sobre a importancia do patrimonio eumés existente.