O Clube de Balonmán Pontedeume vén de celebrar o seu cumpreanos máis especial: medio século de vida. E o seu presidente, á par que porteiro, Óscar Allegue, móstrase ilusionado polos logros acadados e pola unión demostrada pola gran familia que conforma o balonmán eumés.
Parabéns! Acabades de cumprir 50 anos como clube. E a ninguén na vila lle pasou desapercibido despois de toda unha fin de semana de celebracións. Qué foi máis emotivo? O acto na Casa da Cultura ou a xornada de partidos no Pavillón de A Casqueira?
Para nós as dúas xornadas foron emotivas, tanto os actos na Casa da Cultura como os partidos na Casqueira. No acto do venres a Casa da Cultura estivo ateigada de veciños e veciñas que viñeron a respaldarnos, e de xogadores e directivos históricos do noso Clube.
E o sábado, aínda habendo competicións doutros clubes que impediron a asistencia de persoas as que lles gustaría ter estado con nós, conseguimos que a Casqueira estivese realmente chea.
Supoño que haberá moitas persoas ás que queredes dar as grazas despois do éxito deste cumpreanos.
Eu quero dar as grazas a toda a xente que traballou durante tantos anos para poder chegar ata aquí. En especial a Manuel Bouza e a Agustín López, pola súa enorme implicación. Estou seguro de que sen eles os eventos deste 50 aniversario non terían saído tan ben.
E que me dis de Vilancho?
Vilancho, a nosa mascota, nace da creatividade de Sandra Sarmiento, unha artista moi coñecida en Pontedeume que ademáis é filla dun expresidente do Clube, Juan Sarmiento.
Manuel Bouza, que foi xogador e técnico do clube e que, sempre nos axuda en todo, pediulle a Sandra que debuxase unha mascota para este aniversario, e así xordeu Vilancho. O nome púxenllo eu, ocorreuseme, sen máis, os demáis gustoulle, e así quedou bautizado.
Chegades ó medio século de vida cunha saúde de ferro, na máxima categoría de balonmán autonómico. Cal é o segredo do voso éxito?
O segredo do éxito é o esforzo constante, o traballo. O balonmán non é un deporte maioritario, non ten grandes axudas, polo que a implicación de todos os membros do clube ten que ser enorme para poder sácalo adiante.
Por que cres que o balonmán enraizou tanto en Pontedeume? Poderíase decir que é unha tradición?
Nós cumplimos 50 anos como clube, pero os primeiros partidos de balonmán na vila foron moitos anos antes da nosa chegada: celebráronse no ano 1953 no colexio Luis Vives. En Pontedeume hai tradición de balonmán, pero tamén moito respaldo ó deporte en xeral: fútbol sala, ximnasia rítmica, ciclismo, piragüismo, vela… Para ser unha vila de 8.000 habitantes hai moitísimos clubes deportivos.
Que posición ocupa o balonmán no panorama deportivo nacional? E internacional?
O balonmán é un deporte que a nivel estatal, europeo e internacional está loitando por tódalas medallas. Hai pouco que a selección femenina conseguiu a segunda posición no Campionato do Mundo, e o equipo masculino vén de proclamarse campeón de Europa. Pero o balonmán non é fútbol, e vivir del en España é difícil.
Relacionada: 50 anos de balonmán eumés