Novidosas actividades para festexar o Samaín en Pontedeume

O percorrido “Truco ou Trato”, o concurso de disfraces en colaboración coa hostalaría, a Festa Infantil de Samaín e “O pasadizo do terror da Árbore da Bruxa” son algunhas das propostas
calabaza-samain

Este Samaín chega a Pontedeume por todo o alto con diferentes actividades para tódalas idades. O percorrido “Truco ou Trato”, o concurso de disfraces en colaboración coa hostalaría, a Festa Infantil de Samaín e “O pasadizo do terror da Árbore da Bruxa” son algunhas das propostas. Desde o ano 2015, o Concello de Pontedeume celebra a súa Festa de Samaín, unha celebración xa consolidada que ofrece unha completa proposta de iniciativas para a veciñanza. Nesta edición, propóñense diferentes actividades que se desenvolverán dende o venres 28 de outubro á noite do luns 31.

Deste modo, este venres 28 de outubro, de 18:00 a 20:00 as máis pequenas e pequenos poderán participar no percorrido do «Truco ou trato», con saída desde o Centro de Maiores. Na actividade visitaranse os diferentes establecementos e rúas comerciais do casco histórico. Durante a noite do sábado, 29 de outubro, os disfraces serán os protagonistas cunha nova iniciativa que xurde grazas á colaboración dos establecementos de hostalaría. Os locais avaliarán as caracterizacións máis terroríficas que visiten os seus locais, en función da orixinalidade, dificultade de elaboración, vistosidade e posta en escena, optando a diferentes premios. Todos os establecementos interesados en participar poden inscribirse no rexistro municipal ou a través da sede electrónica.

O luns, 31 de outubro, o escenario trasládase á Alameda de Rajoy, coa tradicional Festa Infantil de Samaín que comezará ás 17:30. Nesta celebración a rapazada poderá gozar do Espectáculo de Animación Cantabaila, obradoiros de maquillaxe, actividades de elaboración de doces en forma de arañas, caramelos terroríficos, entre outras propostas. Durante a festa, os participantes poderán gozar do tradicional magosto e dos postos de chocolate. A Festa de Samaín estenderase ata as 20:00, dando paso a unha das iniciativas máis innovadoras desta edición.

Desde as 20:30 nos Xardíns de Lombardero estará aberto «O pasadizo do terror da Árbore da Bruxa», que se realizará en colaboración coas asociacións teatrais eumesas. A contorna desta árbore, coñecida polas súas raíces aéreas en forma de barbas como “A Árbore da Bruxa”, será o lugar onde se desenvolverá esta actividade. As persoas participantes poderán percorrer durante a noite os longos corredores deste xardín que estarán repletos de néboa, sustos e sorpresas para desfrute dos participantes máis valentes que se atrevan a introducirse.

Por último, como vén sendo habitual, durante estes días diferentes puntos do casco histórico de Pontedeume, como o Torreón dos Andrade ou a entrada aos xardíns contarán con diferentes esculturas sobrecolledoras que ambientarán durante estes días a vila dos Andrade.

Publicidad
Xeoparque Cabo Ortegal
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.