O Concello de Pontedeume informa do avance das obras do novo parque infantil e biosaudable na parroquia de Andrade, que finalizarán nos vindeiros días. Grazas a esta actuación, habilitáronse dous espazos, unha zona de xogos infantís con chan de caucho e outra zona de aparatos biosaudables. “O importe das obras é de aproximadamente 50.000 euros, que financiamos con cargo ao remanente municipal”, detalla o concelleiro de Obras e Facenda, Daniel Ríos. Dende o Goberno local agradécese a cesión por parte dos veciños e veciñas dos terreos onde se localiza o novo parque, ao carón do local social da parroquia.
“No 2015, iniciamos un proceso de renovación e posta en marcha de novos espazos de lecer para nenos e familias. Só no pasado ano inauguramos os parques de Centroña, Lombardero e Vizús, e agora continuamos con este de Andrade, ao que seguirá o da parroquia de Ombre”, sinala o alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro. O rexedor traslada ademais o seu agradecemento á asociación de veciños “Mariano Ruiz”, pola súa colaboración para impulsar esta actuación. Con estes traballos, o Goberno local cumpre cunha antiga demanda da veciñanza de Andrade.