Unha representación do BNG -formada polo deputado «Mon» Fernández, o tenente de alcalde de Cabanas Iago Varela, a portavoz municipal do BNG en As Pontes, Silvia Pardo, o portavoz municipal do BNG en Pontedeume, Luis Pena; así coma representantes do colectivo Terra e da delegación comarcal de ADEGA- visitaron hoxe as instalacións do encoro do Eume para constatar a situación de deterioro das augas e aparición de refugallos nas últimas semanas.
Esta visita prodúcese logo de que apareceran numerosas denuncias de colectivos e de que o BNG presentase unha iniciativa no Parlamento Galego ao respecto desta problemática. Estes movimentos provocaron, segundo o comentado no encontro que a Xunta tivese que actuar de oficio coa realización dunhas probas ao respecto da calidade das augas. «Mais queda por resolver o tema da baixada do nível no encoro e tamén da aparición de refugallos que poidesen supór afección ou impacto na calidade das augas», explicaron desde o Bloque.

Precisamente, unha das preocupacións xorde precisamente da baixada de caudal –coa conseguinte aparición de refugallos nas beiras do encoro- é unha das cuestións que máis preocupan xa que, segundo tiña adiantado tamén ADEGA “é evidente que non estamos a falar de causas naturais, senón máis ben da influencia de axentes externos,e todo apunta a que a causa do baixo nível do río probabelmente sexa o proxecto de «modernización» dos desaugues de fondo do encoro da Capela, autorizado finalmente pola Xunta a finais de 2017; pero xa no 2011 presentaran o primeiro proxecto que pretendía guindar as lamas do encoro polo Eume abaixo”
A representación institucional e as entidades ecoloxistas avogaron por actuar dun xeito conxunto, ampliando futuras actuacións a outro tipo de entidades –coma as confrarías de pescadores- para o que redactarán un documento conxunto nos vindeiros días.
Mentras tanto, agárdase tamén a resposta da Xunta á iniciativa rexistrada no Parlamento Galego hai úns días, na que se demanda que a Xunta aclare se ten coñecimento das obras realizadas e dos seus efectos para as augas do río Eume, xa que estamos a falar dun espazo que forma parte do Parque Natural das Fragas do Eume; e é evidente que á administración galego correspóndelle responsabilidade no ámbito da avaliación ambiental, e dos permisos que procedesen para a realización das obras.
