O Concello de Pontedeume avanza na adquisición dos terreos do castro de Centroña

A administración local reuniuse cos propietarios das fincas e coa decana da facultade de Humanidades de Ferrol

O Concello de Pontedeume mantivo reuniuse cos propietarios dunha parte dos terreos nos que está o Castro de Centroña, dando así un paso máis nos trámites que realiza para recuperalo e poñer en valor os seus restos arqueolóxicos.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e a concelleira Yolanda Vázquez xa mantiveron no outono pasado unha reunión coa decana da Facultade de Humanidades de Ferrol, Manuela del Pilar, co obxectivo de asinar un convenio de colaboración co centro universitario para rehabilitar o castro a través das prácticas dos estudantes de arqueoloxía.

A reunión foi satisfactoria e o concello pretende facerse coa titularidade das fincas, para proceder posteriormente aos traballos de restauración e rehabilitación patrimonial do castro.

“Unha vez que os terreos sexan de titularidade municipal, impulsaremos ese convenio e os trámites legais e administrativos necesarios para comezar os traballos de excavación e recuperación no menor tempo posible”, afirmou o alcalde Bernardo Fernández. Nos terreos do castro atopouse no ano 1912 o Torques de Centroña.

Despois da rehabilitación, o Concello de Pontedeume quere que o Castro de Centroña, da Idade de Ferro, sexa catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e forme parte dunha ruta polos vestixios arqueolóxicos da vila, un compromiso adquirido no 2015 polo grupo de goberno.

A intención deste proxecto máis amplo, na que se enmarcaría a posta en valor do Castro, é a de crear unha ruta na que poder explicar a historia de Galicia a través do amplo patrimonio histórico co que conta o municipio.

Dende castros ata o Castelo ou Torreón dos Andrade, pasando polos restos da Vila Romana de Centroña, petroglifos ou as numerosas mámoas existentes. “Temos que poñer todo isto en valor, aí temos parte da historia de Pontedeume e tamén de Galicia”, engadiu Fernández.

Salir de la versión móvil