O Concello de Pontedeume organiza unhas xornadas sobre a historia da vila dentro das actividades do seu 750 aniversario

Serán os días 23 e 24 de outubro no Centro de Maiores e contará coa presencia de expertos no mundo da historia e da cultura

O Concello de Pontedeume organiza os próximos días 23 e 24 de outubro, no Centro de Maiores da vila, as Xornadas sobre Historia Local de Pontedeume, con motivo dos actos programados arredor do 750 aniversario da fundación da vila.

Trátase dunha serie de conferencias de investigadoras e investigadores que complementan e profundizan na exposición ‘750 anos construíndo a historia de Pontedeume’, que está aberta ao público ata o día 4 de novembro en horario de 18.00 a 20.00 horas no Convento dos Agostiños-Casa da Cultura.

“Toda unha oportunidade de achegarse aos sete séculos e medio de historia da nosa vila. Ás liñas temáticas tratadas na exposición, como a fundación da vila, a súa xurisdición, os mosteiros da contorna e a familia Andrade, engádense nestas xornadas diversos asuntos que atinxen á historia de Pontedeume: o seu patrimonio documental e artístico, material e inmaterial, e cuestións de índole historiográfica, arqueolóxica, antropolóxica, cultural, económica, social e xeográfica”, explica Yolanda Vázquez, concelleira de Turismo.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, será o encargado de abrir o día 23 as xornadas, que contarán coa intervención, entre outros, de José Manuel Yañez, Lucía Costas, Carolina Macedo, Antón Prego, Xavier Brisset e Juan Carlos Vázquez Arias, ademáis dos tres comisarios da exposición.

O aforo é limitado, polo que é necesaria a realización de preinscrición previa na Oficina de Turismo (Torreón dos Andrade) ou no teléfono 981430270

Salir de la versión móvil