O Mercado Municipal de Pontedeume acaba de obter o selo de “Mercado Excelente”, unha distinción outorgada pola dirección xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia. Este distintivo recoñece o esforzo realizado na mellora das infraestruturas e servizos no edificio, así como a calidade e variedade dos produtos locais que se comercializan. O alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro, e a concelleira de Comercio, Ángela Piñeiro, recibiron no Mercado Municipal a Manuel Heredia, director xeral de Comercio e Consumo, e a Martina Aneiros, delegada da Xunta de Galicia en Ferrol.
O motivo desta visita era o anuncio da obtención do selo de Excelencia por parte da praza de abastos eumesa, sendo o terceiro mercado municipal da comunidade autónoma en acadalo, xunto ás prazas de Tomiño e Vilargarcía de Aurosa. Este selo de excelencia premia as reformas e adaptacións realizadas no Mercado Municipal de Pontedeume e o seu valor como motor de dinamización do comercio de proximidade e da economía local. A distinción destaca tamén o trato personalizado e información facilitada polas propias praceiras e praceiros sobre o etiquetado, a trazabilidade e a boa exposición dos produtos.
Unha iniciativa que ten en conta o mantemento dos diferentes espazos, a realización de actividades como degustacións, accións de promoción e divulgación do Mercado. Tamén premia o uso de novas tecnoloxías, como a promoción realizada a través da súa páxina web, redes sociais o puntos de acceso WIFI gratuíto para a clientela. Esta distinción abre a posibilidade aos mercados municipais que contan con este selo de obter novas subvencións que permitan a implantación de novos servizos, tanto para os establecementos como para a clientela e que sigan impulsando a diferenciación, identificación coa calidade e prestixio do Mercado Municipal de Pontedeume.