Pontedeume aprobou no pleno investir 368.825 euros do remanente municipal para obras e mobiliario urbano

O Concello tamén adquirirá varios terreos en diferentes zonas do municipio para habilitar novos aparcadoiros

Los locales de hostelería con terraza no tendrán que abonar la tasa de ocupación este año

O Concello de Pontedeume aprobou hoxe no pleno unha primeira partida de 368.825,22 euros procedente do remanente municipal para diferentes obras, así como para a adquisición de mobiliario urbano, material e terreos.

Despois da suspensión da regla de gasto e estabilidade orzamentaria por parte do goberno central, e grazas á boa xestión económica dos últimos anos, o concello pode investir na mellora do municipio parte do remanente de tesourería do ano 2019, coa condición, establecida pola lexislación vixente, de executar unha porcentaxe elevada da partida antes do 31 de decembro.

Debido a esta condición, boa parte dos gastos aprobados son en moitos dos casos subministros e obras que xa contan con todas as autorizacións dos distintos organismos. As partidas aprobadas hoxe entrarán en vigor o vindeiro mes de decembro, tras someterse durante 30 días a exposición pública.

Entre os investimentos, atópase a instalación dun novo paso de peóns con semáforos na avenida da Coruña, á altura do centro educativo “CPR San José”, mellorando así a seguridade na zona e cumprindo cunha vella demanda da comunidade educativa.

Ademais, realizaranse obras de mellora no Xardín de Lombardero, cunha nova zona de xogos infantís e pavimento de caucho continuo (47.562,02 euros); e a segunda fase da pavimentación do camiño que comunica Pontedeume con Miño por Sambollo, ao seu paso por Castrelo (42.160,20 euros). Hai meses aprobouse a primeira fase, polo que coas dúas actuacións o firme, que actualmente atopase nun estado de avanzado deterioro, quedará renovado por completo.

Así mesmo, con parte desta partida o concello adquirirá varios terreos en diferentes zonas do municipio para habilitar novos aparcadoiros (177.000 euros); un vehículo de 3.500 quilos con grúa e unha furgoneta para o departamento de Vías e Obras, renovando así o seu parque móbil; e outro tipo de material como desbrozadores ou sopladores para o departamento de Limpeza Viaria.

Tamén comprarase mobiliario urbano para o casco urbano e as parroquias. Trátase de novos colectores de reciclaxe e de recollida de orgánicos, soportes para colectores, papeleiras, bancos de descanso e espellos para mellorar a visibilidade na rede viaria municipal.

“Temos unhas contas saneadas e cumprimos desde 2015 co noso programa electoral, aprobando uns novos orzamentos cada ano e cerrando cada exercicio con superávit; desta maneira, podemos agora e ao longo do vindeiro ano destinar parte destes cartos a mellorar os servizos e infraestruturas de Pontedeume”, explicou o alcalde, Benardo Fernández.

Á marxe dos investimentos co remanente, o grupo de goberno local xa traballa na elaboración dos orzamentos para o ano 2021, que incluirán entre outros investimentos unha nova liña de axudas para as pemes e autónomos afectados pola pandemia do coronavirus.

Salir de la versión móvil