O Concello de Pontedeume, xunto coa Comisión de Festas, anuncia o programa das Festas das Peras, as Festas Patronais do municipio, que se celebrarán dende o 7 ao 11 de setembro. Esta tradicional cita recupérase na súa totalidade logo da súa suspensión en 2020 e da celebración limitada no ano 2021 por mor da pandemia. A programación deste ano inclúe eventos para todas as idades e gustos, con citas tan tradicionais como a saída de mómaros e cabezudos, a “Cucaña Marítima”, o concurso de froitas ou a subida ao Río Eume, ás que suman espectáculos como o concerto de Amparanoia, entre outros.
O programa comezará o mércores 7 de setembro, co pregón a cargo de Javier Martínez Pérez-Mendaña. Nesa mesma xornada celebraranse os primeiros concertos e actuacións, entre elas a de Amparanoia, así como as alboradas e foguetes iniciais. Tamén o mércores será a primeira saída dos mómaros e os cabezudos cos gaiteiros, que se repetirá os días 8, 9 e 10. Na xornada do xoves 8 organizaranse pasarrúas, actividades infantís e actuará a orquestra Fania Blanco Show, entre outros eventos. Tamén o xoves celebrarase a “Cucaña Marítima”, unha das citas de referencia das festas patronais.
O venres 9 de setembro celébrase o Concurso de Froitas, outro dos momentos máis emblemáticos das festas. A xornada contará con pasarrúas, música, eventos deportivos e culturais, pechando cunha verbena a cargo orquestra Panamá. Xa na fin de semana, o sábado 10 acollerá a procesión de San Nicolás de Tolentino. O programa complétase con eventos deportivos, como a travesía a nado “As Peras 2022”, e culturais. O día finalizará cos fogos de artificio e o combate naval, acompañados coa actuación da orquestra Claxxon.
O domingo 11, última xornada das Festas Patronais, realizarase a tradicional subida ao río Eume ata a Xunqueira. A música e máis eventos deportivos pecharán este último día de celebracións.