O Concello de Pontedeume ven de conseguir a maior achega económica da historia da vila para a renovación do alumeado público. En concreto, o concello recibiu onte unha notificación por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica da concesión dunha subvención de 573.570,00 euros para a renovación do alumeado público, tramitada hai uns meses dende o goberno municipal.
O proxecto, orzamentado en 716.962,51 euros, permitirá renovar con tecnoloxía LED máis de 1.000 puntos de luz e 32 cadros de mando de todo o municipio por outros mais modernos con control remoto. Este cambio a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo de enerxía eléctrica do concello nun 73%, pasando de 438.874 kWh ao ano a 117.765,16, cun aforro anual cercano aos 80.000 euros que o concello poderá destinar a outras necesidades da vila.
Ademais, tras dita actuación mellorarase considerablemente a visibilidade nesas zonas, posto que a tecnoloxía LED ten unha maior potencia, e Pontedeume reducirá a contaminación lumínica, cumprindo as normativas da Unión Europea.