O Concello de Pontedeume fixo onte entrega do premio a Juan Coira polo seu traballo ‘Arquitectura tradicional mariñeira. Corredores e galería da ría de Ares’. O traballo premiado recupera parte da historia duns dos elementos arquitectónicos tradicionais nas construcións da nosa Vila e do conxunto da comarca. Un estudo sobre os corredores e galerías na ría de Ares.
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e a concelleira de Cultura, Ángela Piñeiro, destacaron a calidade dos traballos dun certame de investigación que medra ano a ano. O premiado, Juan Coira, é veciño de Pontedeume e un dos maiores especialistas na historia da nosa vila. De feito, foi un dos comisarios da mostra ‘750 anos construíndo a historia de Pontedeume’, que conmemora os sete séculos e medio da súa fundación.
Os traballos do premio tiñan que versar sobre aspectos de Pontedeume e a súa comarca, dende a perspectiva da descrición propia da etnografía ou das interpretacións propias da antropoloxía social e cultural e da etnohistoria.
Juan Coira recibiu un premio dotado coa cantidade de 1.140 euros e o seu traballo será publicado na revista de investigación local Cátedra. Revista eumesa de estudios.