O Concello de Pontedeume desenvolverá nas próximas semanas un programa de actividades para impulsar a igualdade real con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
“Crecendo en Igualdade” comezará este venres, 6 de marzo, coa lectura pública dun manifesto Institucional ás 12:00 horas na praza Real. Será o punto de partida doutras actividades como a exposición “Copas Rotas”, de Adela Rodríguez (IES Breamo), ou o obradoiro “Pedras nos petos das mulleres”, co alumnado dos IES Breamo e Fraga do Eume.
O obxectivo deste obradoiro é concienciar a través das artes plásticas de que as mulleres de ‘A xeración da igualdade’ seguen tendo atrancos para a igualdade.
Habera tamén nas próximas semanas obradoiros de defensa persoal para mulleres e as “II Xornadas de formación: A Administración Local con perspectiva de xénero” dirixidas a todo o persoal da administración local (tanto empregadas e empregados municipais como cargos políticos).
Por último, o Día do Deporte e a Igualdade será o domingo 3 maio, desde as 11:30 horas no Paseo Marítimo e en diferentes rúas e prazas da vila. “Quixemos darlle continuidade ao 8M con outras actividades de concienciación e iniciativas específicas para os mozos e mozas de Pontedeume, aínda queda moito traballo por diante no obxectivo de acadar unha igualdade real”, asegurou Raquel Caruncho, concelleira de Igualdade de Pontedeume.