Pontedeume renova a rede de abastecemento da rúa que une a N-651 coa urbanización Olmo

As obras tamén inclúen a mellora dun tramo de 400 metros de pavimento de formigón

O Concello de Pontedeume informa de que xa están en marcha as obras para renovar a rede de abastecemento e o pavimento da rúa do Chapizo, que vai desde o enlace coa N-651 (Casa de Exercicios) ata a urbanización Olmo.

En concreto, a actuación servirá para renovar un camiño de máis de 400 metros cunha nova rede de abastecemento e un novo pavimento de formigón, dando ademais resposta ás demandas dos veciños da zona, xa que o firme actual está deteriorado.

O concelleiro de Obras de Pontedeume, Daniel Ríos, visitou a rúa antes do comezo dos traballos coa empresa encargada de realizar os traballos, que teñen un orzamento próximo aos 40.000 euros procedentes do remanente municipal.

“Destinamos fondos e recursos propios municipais a seguir investindo na renovación da rede de abastecemento, neste caso en concreto nunha zona de Pontedeume na que as roturas e avarías son constantes nos últimos anos”, explica Ríos.

Os traballos forman parte do plan integral de renovación de servizos e infraestruturas posto en marcha no ano 2015 polo grupo de goberno eumés, con actuacións continadas no casco urbano e nas parroquias da vila.

“Levamos máis dun millón de euros investidos en obras para mellorar o abastecemento municipal e seguiremos apostando por renovar a rede, que se atopaba totalmente abandonada, para garantir a prestación dun servizo básico aos veciños e veciñas”, explica o alcalde, Bernardo Fernández. Os traballos no tramo Portiño-Anduriña están tan só pendentes da autorización de Augas de Galicia para a súa adxudicación.

Salir de la versión móvil