Concello de Pontedeume puxo en marcha hai uns días unha nova fase do plan de mellora e renovación dos servizos públicos, as infraestruturas e o mobiliario urbano nas parroquias do municipio. En concreto, o concello aproveitará estas datas de verán para a instalación, por unha parte, de varios espellos en accesos ou cruces de vías e camiños con pouca visibilidade, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria tanto de vehículos coma de peóns.
Pola outra, o servizo de obras municipal procedeu á construción de novas bases e á instalación de suxeita-colectores do lixo e bancos para o descando en distintos puntos de Pontedeume, medidas todas elas demandadas pola veciñanza.
“Renovar de forma constante as infraestruturas públicas, tanto no centro como nas parroquias, é unha prioridade do noso grupo de goberno desde o ano 2015; son actuacións que facilitan e melloran a vida diaria da veciñanza”, afirma o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández. Estes traballos do Concello de Pontedeume nas parroquias continuarán durante as próximas semanas.