Pontedeume traballa conxuntamente cos centros educativos, anpas e forzas de seguridade para reforzar as aulas

Levaranse a cabo unha batería de medidas para afianzar un retorno ás aulas seguro, como as desinfección das aulas e a entrada e saída gradual dos centros

O Concello de Pontedeume pon en marcha estes días diferentes medidas para que o curso escolar comece nas mellores condicións posibles, tendo en conta a situación de excepcionalidade derivada da pandemia do coronavirus.

Reunións constantes entre goberno, centros educativos e anpas

Como vén facendo desde o inicio da pandemia, o grupo de goberno está en contacto cos responsables dos centros educativos da vila “para coñecer e aportar, na medida das posibilidades e competencias do noso concello, todo o que sexa necesario para o retorno ás aulas dun xeito seguro”.

Así, o pasado dia 3 de setembro a administración local mantivo unha reunión conxunta cos representantes de todos os centros educativos e das asociacións de nais e pais para coñecer de primeira man ás súas necesidades e á situación actual da comunidade educativa.

“Nunha reunión distendida e nun clima de colaboración por tódalas partes, escoitamos as Anpas e centros, as súas dúbidas, incertidumes e necesidades, tanto nas que temos competencia como as que lle competen a outras administracións, e puidemos valorar enormemente todo o traballo que os centros e Anpas están a realizar nestes momentos difíciles”, engadiu a concelleira de Educación, Alejandra Bellón.

Desinfeccións a cargo do concello eumés

O Concello de Pontedeume asumirá, nun exercicio de responsabilidade cos nenos e nenas e a súas familias, as dúas desinfeccións extras ao longo da mañá que marca o protocolo elaborado pola Xunta de Galicia, “aínda que entendemos que esta non é unha competencia dos Concellos, que sí asumen e seguirán asumindo, porque así o marca a Lei Orgánica de Educación, a limpeza dos CEIPs”.

En palabras de Alejandra Bellón, “as desinfeccións derivadas dunha situación de crise sanitaria son unha competencia da Xunta de Galicia e polo tanto debería de ser esta administración quen asumise un custo que vai minguar considerablemente os orzamentos da concellería de Educación, repercutindo en consecuencia na posibilidade de cubrir outras demandas de necesidades que se poidan presentar ao longo do curso como é habitual”.

Outros gastos a cubrir

O concello traballa tamén na posta a punto dos distintos centros cuxo mantenemento depende directamente da administración local -CEIPs-, en tanto a xardinería, limpeza e reparacións.

Outro punto a ter en conta é a importancia que ten o traballo complexo e conxunto coa Xefatura de Policía local, na posta a disposición da comunidade educativa de zonas reservadas e espazos de estacionamento, “a fin de controlar a entrada e saída gradual que esixen as medidas de seguridade sanitarias, as obras de renovación da rede de saneamento no Ceip Couceiro e das beirarrúas no CEIP Andrade”, afirmaba a edil.

O Concello de Pontedeume é consciente da complexidade da situación, polo que fai un chamamento “ao sentido común e a responsabilidade individual, para que todos sigamos as normas e recomendacións das autoridades e dos centros escolares, que están a traballar a reo para garantir a volta ás aulas con total seguridade”.

Salir de la versión móvil