Portos de Galicia inviste máis de 240.000 euros na mellora dos pantaláns do peirao de Pontedeume

O proxecto consiste en dotar de máis prazas de amarre tanto a liña de pesqueiros como a de recreo e construír unha nova instalación para actividades de remo

Portos de Galicia investirá más de 240.000 euros na mellora dos pantaláns do peirao do municipio coruñés de Pontedeume. Así o trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona na que estivo acompañada por representantes do sector e municipais.

Os traballos inclúen a ampliación de prazas de amarre tanto no pantalán profesional como no recreativo e faranse tamén tarefas de mantemento como a limpeza de flotadores e o chorreado e pintado dos pilotes. Ademais instalaranse novas cornamusas e sistemas de control de acceso aos pantaláns ao tempo que se eliminará o tren de fondeo actual por novos fingers.

No caso do pantalán pesqueiro instalarase un módulo de doce por dous metros que permitirá obter 12 prazas de amarre e nos pantaláns de náutica de recreo obteranse 53 prazas de 6 por 2,5 metros, cinco prazas de 6 por 3 metros e 13 prazas de 8 por 3,5 metros. Tamén se instalará un novo pantalán para a actividade de remo que contará cun módulo de 12 por 3 metros e unha pasarela de acceso de 12 por 2 metros.

Na súa visita a Pontedeume Susana Lenguas anunciou tamén que Portos de Galicia ten en licitación un servicio de redacción de proxectos ambientais e de dragaxe no que se inclúen os estudos para a dragaxe deste peirao. Esta actuación dará resposta ás necesidades trasladadas ao ente público polo sector en recentes reunións de traballo.

Salir de la versión móvil