O Concello de Pontedeume rematou as obras de pavimentación das rúas transversais da urbanización Olmo. Os traballos foron en sete viais, nos que ademais da renovación do firme e o pintado das prazas de aparcamento, instaláronse varandas en distintas escaleiras para mellorar a seguridade e accesibilidade. O investimento rondou os 100.000 euros.
“Con esta actuación damos cumprimento a unha vella demanda veciñal, unha obra moi necesaria debido ao mal estado de conservación do firme de moitas desas rúas”, sostén o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández.
Así mesmo, ao longo das vindeiras semanas licitaranse tamén as obras de aglomerado da Avenida Castelao e a substitución da rede de abastecemento no Chapizo. Desde o ano 2015, o grupo de goberno executa un plan para renovar e mellorar todas as infraestruturas e servizos do Concello de Pontedeume, tanto no casco urbano como nas parroquias.