O Concello de As Pontes deu por concluídas hoxe as obras da terceira fase da rehabilitación da Avenida de Galicia, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Pontes Isabel II, coa apertura do viario á primeira hora da mañá ao tráfico viario.
O proxecto contou cun orzamento de 227.563,67 euros e permitiu darlle continuidade ao proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesiblidade do centro urbano, tras a renovación da Praza do Hospital e as obras da primeira fase e segunda fase da Avenida de Galicia.
Con tal obxectivo, os traballos levados a cabo permitiron eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodadura existente por aglomerado impreso. Ademais, o proxecto incluíu a mellora da iluminación coa execución dunha nova canalización eléctrica, a instalación de arquetas e o retranqueo das luminarias para realizar unha nova disposición ao tresbolillo así como a instalación de captafaros led nos pasos peonís.
Así mesmo acometeuse a renovación da rede de saneamento en ambas marxes da rúa, coa conexión das acometidas das augas fecais e as conexións á nova rede de drenaxe das baixantes dos tellados, así como a instalación de sumidoiros e a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento.
As obras da terceira fase da Avenida de Galicia tamén incluiron a instalación de novo mobiliario urbano -papeleiras, xardineiras e bancos- e a sinalización completa do tramo.
Os traballos, leváronse a cabo nunha das vías máis transitadas do pobo e acometéronse en diferentes fases para evitar interromper o tráfico. A Avenida de Galicia só se pechou ao tráfico na ultima etapa da obra.