San Sadurniño esíxelle á Xunta incrementar a ponte de Cornide

Dende o Concello piden unha ampliación da pasarela de madeira para mellorar tanto a accesibilidade como a seguridade dos viandantes
DSC09586-web1080x1920H100

A ponte da AC-862 en Cornide é a principal vía de comunicación a pé entre este núcleo e o centro urbano. De feito, aló polo 2008, a Xunta de Galicia como titular da estrada construiu unha senda peonil de 1 Km pola marxe dereita que enlaza coas beirarrúas do Casal. Incluso se colocou unha pasarela de madeira de case 100 metros de lonxitude para salvar o ribazo do mesón O Muíño do Pepe (o antigo muíño de Mera).

Falta de accesibilidade e seguridade

A obra mellorou a seguridade das ducias de viandantes que percorren a zona cada día, pero quedou algo pendente: facer máis accesible xusto o tramo da ponte sobre o Xubia, por onde cómpre pasar de unha en unha persoa e por onde non poden cruzar cadeiras de rodas.

O Concello xa manifestara a necesidade dunha solución en conversas informais con responsables da demarcación de estradas da Xunta e hai uns días remitíuselle a AXI -Axencia Galega de Infraestruturas- unha carta solicitando formalmente que se lle dea ao paso da ponte o mesmo ancho que ten o resto da senda peonil.

No escrito explícase que os pasos peonís da ponte «son moi estreitos e só permiten o paso dunha persoa», razón pola que supoñen «un obstáculo importante, que dificulta a mobilidade e mesmo pode xerar situacións de perigo».

Solucións ao problema

Corrixir o problema só ten como solución ampliar a plataforma nuns centímetros, o que permitiría incrementar considerablemente o ancho para o paso de viandantes. A petición do Concello céntrase en que a axencia de infraestruturas busque unha solución para este tramo de 20 metros, que supón un embude e un problema grave de accesibilidade nun percorrido de case un quilómetro de distancia.

A senda peonil da AC-862 é unha vía moi empregada pola veciñanza da zona para os seus desprazamentos diarios, pero tamén é lugar frecuentado por paseantes e deportistas que despois proseguen o seu camiño polo paseo fluvial do Xubia.

Cando se fixo a senda peonil houbo que solventar outro problema: facer un paso que salvase o desnivel ao pé do antigo muíño de Mera. A solución técnica adoptada pola Xunta foi construír unha estada de madeira tratada que nos últimos tempos requiriu varias operacións de mantemento, asumidas integramente polo Concello. A última, hai tan só uns días, obrigou a substituír varias táboas do chan que ameazaban con esfondarse. Segundo o alcalde, Secundino García, «a plataforma de madeira é unha infraestrutura de titularidade autonómica, polo que debería ser a AXI quen se encargase de mantela en perfectas condicións».

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.