A área sanitaria de Ferrol roza o nivel de “risco extremo” según o novo baremo epidemiolóxico do Goberno

Nas últimas 24 horas rexistráronse 53 novos casos que deixan un balance total de case medio millar de contaxiados

O primeiro día tralo anuncio do novo Estado de Alarma decretado polo Goberno central, a área sanitaria de Ferrol continúa a sumar casos e aproxímase perigosamente á situación de máximo risco epidemiolóxico marcado pola Unión Europea e que servirá a partir de agora aos gobernos autonómicos para adoptar medidas de restrición e confinamento en área sanitarias, comarcas, concellos ou barrios. Tal e como explicou onte o presidente Pedro Sánchez, estableceranse catro niveis de restricións que terá en conta, entre outros factores, o nivel de incidencia acumulada por 100.000 habiantes en 14 días.

O nivel 1 aplicarase cando o número de casos nas últimas dúas semanas sexa menor aos 25 por cada 100.000 habitantes, o  nivel 2 cando o número de casos nas últimas dúas semanas sexa de entre 50 e 150 por cada 100.000 veciños. Será nivel 3 ou de risco alto, será cando a incidencia acumulada de casos en 14 días sexa de entre 150 e 250 por 100.000 habitantes. E a máxima alerta, de risco extremo ou nivel 4, cando se superen os 250 casos por 100.000 habitantes. Tamén teranse en conta outros baremos como a positividade, a presión hospitalaria tanto en planta como nas Unidades de Coidados Intensivos, ou a evolución en termos estadísticos.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días na área sanitaria de Ferrol é actualmente de 241 casos por 100.000 habitantes, a tercera maior de Galicia tras Ourense e Santiago, polo que se aproxima ao nivel de “risco extremo” establecido polo Goberno central. Ademáis, a área de Ferrol tamén lidera outros parámetros que se terán en conta á hora de impoñer restricións, como a evolución (unha razón de taxa de 2,17 o que supón un aumento semanal dun 150% dos casos) ou a positividade nas probas PCR, que é dun 10, 91%, a máis alta de toda a comunidade galega.

Nas últimas 24 horas rexistráronse 53 novos casos, deixando un balance total de contaxios activos de 488. É importante reseñar que na última semana realizáronse unha media de máis de 400 probas PCR diarias, cando ata mediados de outubro realizábanse non máis de 250. En total, son xa 43.297 as PCR feitas polo CHUF entre o Marcide, o punto móbil de Novoa Santos e a domicilio.

Tamén creceu o número de ingresos no Marcide nestas últimos xornadas, aumentando a presión hospitalaria e obrigando ao CHUF a poñer en marcha o seu plan de continxencia e habilitando a quinta planta do hospital tamén para contaxiados de Covid-19, despois de que o sétimo andar (o que se ven utilizando desde o inicio da pandemia) quedase cheo. Hoxe en día son 33 os hospitalizandos en planta e 4 as persoas cun diagnóstico máis crítico na Unidade de Coidados Intensivos.

A día de hoxe hai 8 concellos cunha situación epidemiolóxica de risco según os parámetros do Sergas. Ferrol, Narón e Fene, están no nivel máis alto de alerta, o vermello. No nivel 2 de alerta atópanse Neda desde onte e tamén Pontedeume, que aumentou nas últimas dúas xornadas. Mentres que Valdoviño, Cedeira e Ares están no nivel 1 ou amarelo, ao acumular entre 7 e 14 casos nos últimos sete días. As Pontes foi o único municipio que saíu desta situación de risco e volve estar en nivel 0.

 

 

Salir de la versión móvil