A escalada de contaxios en Ferrol é a peor de toda Galicia. Así o reflicten as cifras feitas públicas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), que indican que Ferrol ten a peor evolución de todas as áreas sanitarias da comunidade na incidencia acumulada dos últimos 14 días. De feito, onte superouse o record de casos activos desde o inicio da pandemia, que estaba en 338, e que agora se sitúa en 412. Tamén superouse o récord de casos detectados nun só día, con 90 novos contaxios de coronavirus rexistrados nas últimas 24 horas.
Unhas cifras que inevitablemente están ligadas ao incremento no número de PCR realizadas, xa que na xornada do xoves realizáronse preto de 600 destas probas, o triple das que se fan diariamente no CHUF. A pesar disto, o empeoramento epidemiolóxico e a propagación do virus nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal é xa un feito.
Actualmente hai 8 concellos cunha situación epidemiolóxica de risco según os parámetros do Sergas. Ferrol, Narón e desde onte tamén Fene, están no nivel máis alto de alerta, o vermello. Valdoviño entrou onte en nivel amarelo e únese a Cedeira, As Pontes e Pontedeume, que levan xa días neste nivel 1. E Neda continúa en alerta laranxa.
O incremento tan abrupto de casos en apenas dúas semanas tamén está a redundar nun aumento significativo dos ingresos hospitalarios. Xa son 25 as persoas ingresadas no Marcide con problemas respitatorios e 3 os doentes ingresados nas UCI. Aínda así, cabe recordar que durante a primera vaga de contaxios, no mes de marzo e abril, o CHUF viuse obrigado a habilitar unha planta no hospital Naval para albergar aos máis de 50 pacientes hospitalizados, e os preto de 20 UCI.
Tamén preocupa a situación nos centros escolares. Xa son preto de 50 os centros educativos onde se detectou algún tipo de brote de Covid, dos cais 16 son no concello de Ferrol.