O que antes era unha aburrida parede gris situada no muro exterior da Casa da Cultura hoxe mesmo, de súpeto, colleu cor grazas a dous artistas á base de graffitis. Tras unha proposta por parte destes veciños da localidade, Enrique e Martín, a Concellería de Cultura conseguiu facer a súa arte realidade. E así, decidiu reservarlles tres muros para este fin.
Os primeiros espazos sinalizados coa súa correspondente placa dentro deste proxecto de arte urbana sitúanse na contorna da Casa da Cultura e mais no campo de fútbol contiguo ao CPI Atios, no que xa traballan tamén un grupo de persoas. E en vista a o éxito acadado, o departamento municipal baralla xa habilitar novos lugares.
Os autores do primeiro mural xurdido neste proxecto son os valdoviñeses Enrique Martínez e Martín Núñez, este último estudante de Belas Artes. Coa súa obra, o debuxo e a cor continúan gañando terreo nos sitios públicos de Valdoviño.
De feito, o consistorio impulsaba fai un tempo un obradoiro de graffiti, guiado pola ilustradora Nana, para crear un mural urbano sobre o surf e a flora e fauna marítima nunha das casetas de aseos do paseo da Frouxeira. E de forma máis recente, a artista local Blanca Escrigas firmaba un mural na Oficina de turismo municipal.