Ante o aumento de casos por Covid-19, na área sanitaria de Ferrol, a Asociación Sociocultural ASCM decidiu restrinxir a presencialidade á atención individualizada, sempre baixo cita previa. Polo tanto, retomarase o teletraballo e a atención a distancia co obxecto de garantir e priorizar a seguridade e a saúde das persoas e/ou usuarias, ASCM considera necesario establecer estas restricións ata novo aviso.
Atención presencial só con cita previa
A entidade, que traballa con persoas con discapacidade, retomará a atención virtual para previr posibles contaxios, posto que moitos dos seus usuarios son persoas de risco. O aumento do índice de contaxios na comarca foi determinante para restrinxir a presencialidade á mínima expresión xa que, en palabras da súa presidenta, Paula Gárate, “o prioritario para unha entidade como a nosa son as persoas, e seguiremos traballando, a distancia, evitando riscos innecesarios”.
A nova normalidade é cambiante e, desde ASCM, aseguran que irán adaptando as medidas e os protocolos en función da situación epidemiolóxica da comarca. Ademais, seguirase apostando polas novas tecnoloxías para manter adaptando a actividade ás circunstancias.
Como seguir recibindo atención presencial
As persoas interesadas en recibir atención presencial deberán contactar coa entidade e solicitar cita previa. Ademais, para recibir algún tipo de información e/ou asesoramento, a distancia, poderán empregarse as canles habituais: o teléfono 981 35 14 30, o WhatsApp 604 05 57 03 ou no mail ascm.ferrol@ascmferrol.com. Ademais, manterase a canle de noticias ASCMÓVIL e o fluxo de información en blogues e redes sociais.