A calistenia: unha “nova” modalidade deportiva que chega a Ferrol para quedarse

Sera, Xabi, Yóver e Aitucho son catro mozos namorados da calistenia, e que agora poderán disfrutar do que lles gusta coa creación dun novo parque no barrio de Canido

A calistenia -do grego kalos (beleza) e sthenos (fortaleza)- é unha modalidade de adestramento practicada desde os albores da humanidade pero que ata fai pouco non se fixo coñecida a nivel mundial. Tal é a súa fama que moitos municipios apostan pola creación de parques específicos para esta variante deportiva, como é o recente caso do parque levado a cabo polo Concello de Ferrol no barrio de Canido.

Esta forma de adestrar o corpo céntrase na utilización do noso propio peso empregando grandes grupos musculares, e os seus obxectivos son a adquisión de forza e beleza, pero non só a fisica: a calistenia pretende mostrar a beleza do corpo humano en movemento.

Porén, hai outra forma de adestramento similar á calistenia -que non deben confundirse- como é o Streetworkout, onde tamén se fai uso do propio peso corporal, pero a diferenza básica radica en ter a capacidade de exercitarse na rúa e aproveitando que esta pódenos aportar. “O streetworkout naceu en Estados Unidos e non só é unha variante deportiva, senón un movemento sociocultural nado en Brooklyn que defendía o exercicio físico como unha vía de escape fronte a múltiples problemas cotiás”, afirmaba Sera, un dos rapaces que nos axudou nesta reportaxe e que ve o deporte como parte da súa propia esencia.

 

A calistenia, máis que un deporte

Alí, unha morea de mozos reúnense diariamente para practicar o que para uns é un deporte e para outros é un estilo de vida. Tendo en conta esta última premisa temos como exemplo a Sera, Xabi, Yóver e Aitucho, un grupo de rapaces que dedican parte dos seus esforzos á calistenia. “Para min, este é o meu método de adestramento e forma parte da miña vida. Teño un obxectivo claro que é opositar para bombeiro, e esta maneira de adestrar o meu corpo é unha ferramenta para poder chegar a ser o que quero ser”, explicaba Sera.

“Eu empecei fai cinco anos e, como a maioría da xente, coñecín a calistenia mediante plataformas dixitais como Youtube. De feito, a gorra que trouxen hoxe a entrenar é a mesma coa que comecei no seu día”, dicía cun sorriso nos beizos mentras lembraba o longo e duro camiño que tivo que soportar para chegar ata onde el e máis os seus compañeiros están hoxe. E é que daba igual que chovese ou que fixese sol, eles sempre estaban dispostos a reunirse e, xuntos, aguantar máis do que podían dar. “O único que nos diferenza son as nosas metas e logros persoais, aquí dentro todo é compañeirismo e bo feeling. De feito coa expansión destes parques por toda Galicia adoitamos facer concentracións e campionatos en diversas cidades, levándonos sempre experiencias inesquecibles”.

Algo diferente, algo único

Cada vez é máis frecuente manter un estilo de vida saudable, onde nos últimos anos e en especial os ximnasios viron como o número dos seus usuarios aumentaba notablemente. Porén, moitos son os expertos na materia que apostan pola calistenia antes que polo levantamento de pesas para poder lograr unha boa saúde e lucir un bo físico a partes iguais.

“Á diferenza do ximnasio, nós non empregamos máquinas cun rango de movemento establecido. Dannos un equipamento e nós facemos múltiples exercicios para fortalecer a musculatura sen ter esas limitacións”, engadía Sera cando lle preguntabamos as principais vantaxes da calistenia. Ademais, tamén destacou o aforro económico que supón non ter que pagar unha mensualidade por adestrar o teu corpo -motivo polo que se orixinou o streetworkout-, e a liberdade que un sente ao facer calistenia. “Por unha banda está a liberdade que sentes cando estás a traballar ao aire libre, aínda que ás veces o tempo xógueche unha mala pasada. Pero cando falamos de liberdade referímonos á capacidade de mover o teu corpo como queiras. Isto noutros deportes é moi dificil de conseguir”.

Porén, moita xente non atrévese a iniciarse no mundo da calistenia pola complexidade dos seus exercicios, polo que pensan que nunca poderán acadar o nivel necesario. “Se che gustaría probar a calistenia, deberías comezar polos exercicios básicos para poder fortalecer o teu corpo: flexións, dominadas, exercicios de core en barra, as sentadillas e os fondos en paralelas”. Aclaraba Sera, asegurando que, como todo na vida, ninguén nace aprendido e tanto el como os seus compañeiros tiveron que dar os seus primeiros pasos desde cero con estos básicos.

 

Un parque soñado

Desde fai anos unha gran cantidade de rapaces esixían a creación dun parque destas características na zona de Ferrol, xa que moitas cidades galegas contan con este tipo de infraestruturas deportivas. “Que eu lembre levamos aproximadamente tres anos pedindo un parque coma este a través de múltiples vías, a través de peticións no Concello, con algunhas quedadas entre nós, reportaxes doutros medios que tamén nos axudaron a darnos visibilidade”.

Foron as entidades veciñais de Canido, a través do programa A rúa é túa promovido polo Concello, as que idearon completar o equipamento do parque Antón Varela coa instalación desta zona deportiva tan novidosa e demandada, así como uns merendeiros que aínda están por instalar. Sera explica que nestes anos onde non tiñan unha zona deportiva coas súas pretensións desprazábanse á área recreativa de O Couto e ao parque infantil que hai á beira da praia de Caranza, onde neste último foron botados polas autoridades locais.

O parque como tal fica aberto dende fai pouco, xa que tras as primeiras obras quedaron uns desaxustes nas barras e no chan, danos que pouco tardaron en arranxar. “O concelleiro de Urbanismo esforzouse moitísimo. Mantivémonos en contacto dende o comezo da creación ata as novas reformas, e todo o meu grupo está moi contento coa súa entrega, como debe ser”.

Despois dos respectivos agradecementos aos que fixeron realidade o seu soño, dedicou as últimas palabras desta reportaxe ás persoas que, coma el, queiran probar a calistenia, o seu actual estilo de vida insubstituíble. “Se despois de coñecer este parque desexas vir a probalo non o dubides, é un deporte de compañeirismo puro e duro. Con nós vas ter bo feeling dende o comezo e poderemos axudarche no que precises. Todo o mundo vaise levar ben e, ante todo, somos compañeiros de adestramento”.

Salir de la versión móvil