Debido ás altas temperaturas que se están rexistrando esta fin de semana, a administración local de Ferrol puxo en marcha hoxe 18 de xullo un dispositivo especial preventivo-sanitario para garantir a seguridade nas praias. Esta mañá foi enviado a Doniños un vehículo de apoio loxístico e levantouse nas inmediacións do areal unha carpa cunha enfermaría provisional atendida por dous voluntarios de Protección Civil.
Pola tarde, dobráronse os medios tanto materiais coma humanos coa instalación dun dispositivo idéntico en San Xurxo. Estes efectivos súmanse ao servizo de salvamento, presente durante a tempada estival en nove areais do termo municipal.
En ambos casos, as enfermarías están atendidas por voluntarios que dispoñen de material sanitario para atender a persoas que o poidan necesitar debido ás altas temperaturas. Está previsto que mañá tamén estean abertas, xa que aínda que se espera un descenso das temperaturas, as máximas continuarán próximas aos 30 graos.