O Concello de Valdoviño iniciou a pasada semana as obras de renovación da cuberta da casa consistorial. Unhas obras necesarias polo avanzado estado de deterioro que sufría a infraestrutura, que derivaba en continuas filtracións de auga aos pisos inferiores provocando humidades e desprendementos aos mesmos de xeito recurrente.
Debido a isto a intervención, que se realiza con fondos propios e acomete a empresa Marcial Díaz, requerirá dun investimento cercano aos 45.000 euros e conta cun prazo de execución dun mes. Os traballos contemplan desmontar a cuberta existente formada por tella cerámica e placas de fibrocemento para posteriormente colocar mestras de morteiro correctamente niveladas, sobre as que se disporá dun illamento de 4 cms de poliestireno extruido. Atornillaranse novas placas de fibrocemento e, sobre estas, colocarase a nova cubrición de tella. Esta mesma operación levarase a cabo tamén na cuberta do campanario cos mesmos obxectivos que o anterior.