A casa de acollida de Ferrol pasará a recibir da Deputación da Coruña 100.891,64 € anuais, un incremento de case 70.000 que triplica os 32.569,77 € do anterior exercicio. A deputada responsábel da área de Igualdade, María Muíño, destaca que este aumento supón o recoñecemento da necesidade de recursos de calidade para contribuír a paliar a situación pola que pasan as mulleres vítimas de maltrato.
Este incremento de case 70.000 € aprobarase mañá venres 31 de xullo na achega á casa de acollida de Ferrol que ve así triplicado o orzamento que recibe da institución provincial. Tal e como mencionou María Muíño, este incremento sustancial vaise destinar en especial para afrontar a violencia machista que provoca tantas vítimas entre as mulleres e que, sen dúbida, é necesaria a implicación das institucións para erradicar esta lacra social.
Entre outras cousas, as modificacións das condicións inclúen a eliminación da reserva de prazas para concellos co fin de se adaptaren á rede galega de acollemento e ser, deste xeito, máis áxiles no ingreso de mulleres vítimas de violencia machista.
Por outra parte, os cambios permitiran engadir no orzamento gastos complementarios de mantemento relativos á contratación de actividades, servizos profesionais, ludotecas ou servizos de conciliación, entre outros. No caso da casa de Ferrol, o incremento contempla a contratación de persoal especializado e con dedicación exclusiva como se recolle nun convenio que inclúe tamén o compromiso da Deputación de achegar formación profesional para o persoal de xeito anual. En concreto, tras a sinatura do convenio procederase á contratación dunha auxiliar coidadora e unha traballadora social, ambas a xornada completa.