A Confederación de Empresarios busca talento americano para as empresas da comarca

Grazas a este novo acordo estudantes de México e Colombia poderán desenvolver a súas prácticas en Ferrolterra

COFER está á busca de talento no continente americano. A Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal presentou onte na súa sede do Cantón ás empresas da zona o Plan de Captación de Talento Dixital, que desenvolve en colaboración co Igape e que ten como obxectivo atraer a alumnado de universidades de México e Colombia para que realicen prácticas nas comarcas.

A iniciativa parte das reunións de traballo que mantivo COFER con responsables de catro Universidades dos citados países, coas que o organismo empresarial chegou a acordos para ofrecer prácticas en Ferrolterra aos seus estudantes. Estes bolseiros terán que responder o perfil laboral que demanden as propias empresas e será unha vez que se determinen estes perfís cando as universidades reúnan currículos que serán enviados a quen oferta as prácticas para que fagan unha selección do alumnado.

Os primeiros estudantes incorporaranse ás súas prácticas nos próximos meses. As titulacións nas que cursan os seus estudos gardan relación coas áreas de Arte e Deseño e Arquitectura; Ciencias da Saúde; Ciencias e Enxeñerías; Ciencias Sociais; Humanidades e Negocios.

Salir de la versión móvil