A crise do Covid non deixa aos nenos das comarcas sen campamentos de verán

A meirande parte dos concellos xa comezaron as inscricións para estas iniciativas que buscan favorecer a conciliación laboral e o aprendizaxe dos nenos

Imagen de archivo de un campamento de verano

Os concellos das comarcas xa preparan os seus programas de conciliación familiar de cara o verán: os campamentos infatís. Que este ano serán un tanto especiais polas condicións impostas polo Covid, pero que estarán cheos de xogos, animación e aprendizaxe para os máis pequenos da casa.

O Concello de Cabanas, a través da área de servizos sociais, vén de abrir o prazo de inscrición para o campamento de verán Cabanas Concilia, que se celebrarán nos meses de xullo e agosto, sempre e cando haxa un mínimo de 10 persoas inscritas.

“Este programa permite que as nenas e nenos entre 3 e 12 anos de idade poidan divertirse e desenvolverse a diversos niveis durante o período de vacacións, mentres as familias se benefician dun recurso que lles permite conciliar a súa vida persoal, laboral e familiar”, sinalou a concelleira de servizos sociais, Diana Rodríguez.

Debido á situación epidemiolóxica da COVID-19, este ano será necesario acreditar a necesidade de conciliación para poder optar a unha das prazas ofrecidas nos campamentos. As persoas interesadas en apuntar aos seus pequenos, deben presentar por rexistro a ficha de inscrición, ademais do DNI da persoa titora, DNI ou libro de familia da crianza, tarxeta sanitaria da crianza e xustificante da necesidade de conciliación (do centro de traballo, centro de formación ou similar). Os prezo serán de 40 euros por quincena ou 65 euros por un mes.

O Concello de Pontedeume organiza un ano máis os seus campamentos de verán para nenos e nenas co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. En concreto, poñeranse en marcha dúas actividades como son os Rueiros de Verán 2020 e as XXXII Acampadas Intermunicipais na Natureza. Debido á crise sanitaria da Covid-19, aplicaranse as normas e protocolos que para este tipo de iniciativas decreten as autoridades sanitarias.

Pola súa banda, o Pazo da Cultura de Narón acollerá os campamentos de verán durante os vindeiros meses de xullo e agosto, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Neles, poderán participar menores de entre 3 e 12 anos.

Haberá quendas semanais que estarán divididas en tres grupos, por idades, con menores de 3 a 5 anos (máximo dez prazas); de 6 a 9 e de 10 a 12 (máximo quince prazas en cada unha delas) e para os que se requerirá un mínimo de asistentes. Os campamentos desenvolveranse entre as 8.00 e as 14.00 horas –de luns a venres- nas instalacións do Pazo da Cultura, donde se sucederán unha gran variedade de actividades

Concello de Valdoviño reedita a súa aposta polos campamentos de verán Concilia Tempos co ánimo de favorecer a conciliación da vida laboral e o coidado dos nenos e nenas por parte das familias.  Este ano, as actividades descentralizaranse en Pantín e Aviño e levaranse a cabo entre os meses de xullo e setembro -ata uns días antes do inicio do curso escolar-. Celebraranse de luns a venres, de 08.30 a 14.00 horas e están dirixidas a nenas e nenos de 3 a 14 anos.

En As Pontes, poñeranse en marcha un ano máis os campamentos urbanos de conciliación familiar, unha iniciativa municipal, dirixida a menores de entre 4 e 12 anos, que ten como obxectivos esenciais axudar ás familias das Pontes a conciliar a vida persoal e laboral durante o período estival. As actividades levaranse a cabo durante os meses de xullo e agosto, en horario de 09:00 a 14:00 horas, no colexio da Magdalena.

A Agrupación Instrutiva de Caamouco celebrará este verán os seus campamentos infantís. A Sociedade decidiu manter este servizo nunha versión reducida e baixo estritas medidas de protección como ferramenta para favorecer a conciliación familiar, tal como veu facendo nos últimos anos.

Os campamentos da Agrupación, xestionados de novo por Espacio Vivo, verán limitada nesta edición a súa capacidade. Establécense tres grupos con separación física e sen contacto entre eles en tres espazos diferenciados do centro social da Tenencia. Os campamentos de verán da Agrupación Instrutiva comezarán o vindeiro 29 de xuño e prolongaranse ata o 31 de xullo, podendo participar por semanas
ou a tempo completo. Como en edicións anteriores, mantense o servizo de madrugadores, dende as 08:30 horas, con actividade constante ata as 14:00 horas.

 

 

Salir de la versión móvil