A curva de contaxios na área sanitaria de Ferrol segue descendendo, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública. O número total de casos activos hoxe é de 115, tres menos que onte e o número de altas epidemiolóxicas é de 427, o que significa que cinco persoas máis superaron o virus nas últimas 24 horas.
Respecto dos afectados, soamente 9 permanecen ingresados no Arquitecto Marcide e 3 están na UCI cun diagnóstico máis grave. O resto de contaxiados, 103 pacientes, permanecen en illamento nos seus domicilios. Tampouco se rexistraron novos falecementos relacionados co coronavirus nos últimos 3 días, polo que o total de vítimas mortais segue sendo de 32 persoas entre os falecidos en hospitais e nos centros de maiores.