A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a resolución pola que se aproba a concesión definitiva das subvencións correspondentes ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, PEL-Reactiva. A Deputación achega nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 1,5 millóns de euros para este novo programa, ao que se sumaron tódolos concellos menos Ferrol, xa que está dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes.
A achega provincial compleméntase con outros 380.000 euros aportados polos concellos, polo que o orzamento total do PEL-Reactiva alcanzará os 1,9 millóns de euros que se distribuirán entre os profesionais autónomos e microempresas cuxo negocio se vise afectado pola pandemia da Covid-19.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, defendeu recentemente a creación de emprego como «o eixo principal de todas as políticas da Deputación da Coruña» e explicou que, debido á pandemia, houbo un importante traballo de reorganización orzamentaria para dotar de fondos a un plan que pretende ser «un apoio masivo e necesario para os autónomos e as pequenas empresas da provincia».
En PEL-Reactiva, o reparto de fondos aos concellos realizase de forma absolutamente obxectiva, baseándose no número de autónomos/as e microempresas de cada municipio.
Os concellos tramitarán as axudas
A partir da vindeira semana, serán os concellos os que pasen a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial para distribuír os 1,5 de euros que conforman o programa. Estas axudas da liña PEL-Reactiva poderán solicitalas os autónomos, autónomas e microempresas con domicilio fiscal nalgún dos concellos adheridos ao fondo, que se viran afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE como consecuencia da situación de crise sanitaria orixinada pola COVID-19.
As subvencións, compatibles con outras prestacións municipais, oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os e os 3.000 euros aos que poden optar as microempresas e autónomos que conten cun cadro de persoal de entre 6 e 9 traballadores.
Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da pandemia como pode ser a compra de paneis de protección, a adquisición de produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico ou desinfectante, así como a gastos correntes de subministracións de auga, luz, gas, etc.
O prazo de solicitude destas axudas por parte das microempresas e profesionais autónomos iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación no BOP da convocatoria específica de axudas de cada concello e finalizará ás 14:00 horas do día 25 de novembro de 2020.