A Deputación destina máis de 172.000 euros á contratación de técnicos deportivos en 15 concellos das tres comarcas

O programa facilita que os municipios poidan desenvolver programacións deportivas estables e fomentar a actividade física entre a poboación

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte a concesión definitiva das subvencións que concede anualmente a Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos da provincia. Este ano, 15 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal contratarán ou manterán no seu cadro de persoal a técnicos deportivos municipais grazas ao apoio económico da Deputación, que achega un total de 172.000 euros para financiar este programa.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, afirmou que “ademais de contribuír á xeración de emprego na provincia, permitindo a contratación de 15 persoas durante un período dun ano, facilitan tamén que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar a actividade física entre a poboación”.

A Deputación financia ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Os concellos poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.

 

CONCELLO ACHEGA
A Capela 3.958,33
As Pontes 15.000,00
Ares 15.000,00
Cariño 15.000,00
Cedeira 5.000,00
Fene 15.000,00
Ferrol 15.000,00
Mañón 10.000,00
Moeche 10.000,00
Monfero 10.000,00
Neda 8.470,00
Mugardos 15.000,00
Pontedeume 15.000,00
San Sadurniño 15.000,00
Valdoviño 5.000,00
Total 172.428,33
Salir de la versión móvil