A Deputación destina preto de un 1,5 millóns de euros a servizos sociais nas comarcas

As subvencións irán destinadas á contratación de persoal técnico, administrativo e de axuda no fogar

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a resolución que dá luz verde ao programa provincial de servizos sociais comunitarios 2020 e que suporá un investimento de 1.466798 euros nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e que se destinarán á contratación de  profesionais da área social.

O programa permite aos pequenos e medianos municipios dotarse de persoal técnico especializado, persoal administrativo de apoio e de axuda a domicilio. Uns profesionais que atenden cada día as necesidades de miles de cidadáns con problemas de índole social e económica, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos ou con discapacidade.

“Con programas coma este, a Deputación busca non deixar a ninguén atrás na saída á crise sanitaria que estamos vivindo e que implicará tamén serias consecuencias sociais e económicas para moitas persoas e moitas familias”, afirmou o presidente da Deputación, que subliñou que, en plena crise do Covid-19, o plan de servizos sociais comunitarios “é máis necesario que nunca, pois permite á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan”, afirmou.

González Formoso destacou tamén a importancia que ten o apoio económico que presta o programa para o mantemento dos servizos de axuda a domicilio dos concellos, “que están cumprindo un papel fundamental para garantir a atención e o benestar de miles de persoas maiores ou dependentes en  toda a provincia”.

 

Salir de la versión móvil