A Deputación e a Mancomunidade organizan un curso de adestrador de surf

Con esta iniciativa impartida por persoal da Federación Galega, os participantes poderán obter o título oficial de Adestrador Nacional en Surfing Nivel I

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, coa colaboración da Deputación da Coruña, organiza un curso de monitores de surf que será impartido por persoal da Federación Galega. Os participantes poderán obter o título oficial de Adestrador Nacional en Surfing Nivel I.

Esta formación levarase a cabo en Valdoviño en outubro e novembro deste ano e conta cun total de 12 prazas reservadas para persoas empadroadas en calquera dos 21 concellos que forman parte do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.

Proba de acceso

A inscrición poderá realizarse entre as 8.00 horas do luns 5 de outubro e as 12.00 horas do xoves 8 mediante un formulario que estará dispoñible na web da FederaciónGalega de Surf ou no seguinte enlace: https://forms.gle/2BM7LZZ2TqMdEH4v7. As prazas asignaranse por rigoroso orde de entrada e estarán condicionadas á superación dunha proba de acceso.

Publicidad

O obxecto desta iniciativa é continuar desenvolvendo os servizos turísticos relacionados co surf, coa finalidade de xerar emprego e seguir consolidando a marca turística Costa das Ondas como destino sostible, que, ademais de dispoñer dun medio natural excepciónal, conta cunha oferta profesional de calidade.

A páxina web da Federación Galega de Surf conta cun apartado no que se pode acceder a información detallada sobre este tipo de cursos, que a entidade vén desenvolvendo en convocatorias previas que tiveron lugar noutros puntos da comunidade: http://www.fgsurf.org/.

Publicidad
Salir de la versión móvil