Os traballadores de Gamesa en As Somozas envían un SOS para non quedarse fóra do mercado

O comité de empresa denunciou a progresiva deslocalización da producción na planta de palas somocense, a cal está obsoleta pola falta de inversións

A planta de Gamesa en As Somozas segue sen ter ningunha previsión de futuro tras a ameaza de que a empresa leve a cabo unha deslocalización da planta cara a Vagos, Portugal. A única nova que tiñan dende a factoría somocense era a a carga de traballo prevista ata finais de este presente ano, pero a información que aportan dende a dirección da empresa non vai máis aló.

Tal e como explicaba o Presidente do Comité de Empresa, Sergio López, os únicos datos aportados ata o momento foron os amosados na última reunión acadada co director de operacións de palas o pasado 9 de xullo, onde afirmaban ter carga de traballo para a creación das palas G-114, un modelo que actualmente está en desuso debido á maior eficiencia de outras palas como a G-115, fabricada actualmente na planta portuguesa.

A pesar das boas previsións que mantiñan desde a empresa o pasado ano, xa que advertían de que a factoría ubicada en Somozas podería levar a cabo novos modelos -as G-155 e G-160-, ditas previsións quedaron esquecidas, e a fábrica parece que está destinada a quedar obsoleta. De feito, a multinacional vén de realizar unha inversión multimillonaria na nova planta en Ria Blades, na cidade portuguesa de Vagos, na que traballarán preto de 1.000 operarios, mentres que en As Somozas apenas chegan a 300.

Denuncias ante a posible deslocalización

Dende o comité de empresa da única planta da compañía presente en Galicia denuncian a actual situación e o futuro incerto que lles espera. “Tememos unha posible deslocalización da carga de traballo cara Portugal debido ao menor coste dos aranceis, tendo como exemplo a Poligal. Tamén queremos demandar a negativa da empresa de aumentar un ano máis a carga de traballo, para así poder ter tempo a buscar axudas das diferentes administracións e evitar que a planta peche a finais do presente ano”, explicaba Sergio López.

Anteriormente, a planta de Somozas tiña como principais fontes de ventas o mercado nacional, o norte de África e o Sur de Europa, pero na actualidade estes dous últimos nichos de mercado están a ser explotados pola factoría portuguesa, polo que non teñen ningunha opción no mercado internacional a non ser que se leve a cabo unha gran inversión para actualizar a factoría, aínda que dende a propia dirección da empresa xa advertiron que non existe ningunha previsión de inversión a corto prazo.

Factor humano como única solución

Desde o comité de empresa aseguran que actualmente, ante a falta de inversión nas infraestruturas, o maior valor engadido da factoría de As Somozas son os propios traballadores. “Somos unha das instalacións máis rendibles para a compañía, a primera en beneficios por operario hora e non tivemos nunca un retraso nas entregas”, explicaba Sergio López

Porén, parece que estas premisas non son suficientes para a compañía, a cal xa empezou a destruir o emprego tal e como denuncian dende o comité, xa que houbo un par de despidos por rotacións que non foron substituidos. É por iso que esixen explicacións por parte do director de operacións de palas, xa que desde o pasado 25 de agosto están á espera de manter unha reunión, así como a creación dunha mesa de traballo para analizar a viabilidade da planta: unha reunión entre a empresa, o comité e diferentes administracións autonómicas e locais  para buscar unha solución que parece non chegar.

 

Salir de la versión móvil