Os amantes do surf están de noraboa. O Oceáno Surf Museo de Valdoviño ampliará as datas de visita da exposición Ondas do fotógrafo galego José Dopico, máis coñecido como «Dopi», que inicialmente ía clausurarse este venres.
Así, estará a disposición do público ata o 15 de setembro, de mércores a domingo de 10.00 a 14.00 horas e martes, venres, sábado e domingo de 17.00 a 19.30 horas. «Dopi» descubriu no mar a súa paixón pola fotografía hai 15 anos. Comezou inmortalizando momentos cunha cámara acuática dun só uso ata que puido mercar a súa primeira cámara dixital, para a que el mesmo fabricou unha carcasa acuática con materiais caseiros.
Este amante da familia, do mar e da fotografía de surf, recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras, traballa e colabora con diversas marcas e revistas, escolas de surf e mesmo coa Federación Española de Surfing. As súas viaxes por todo o mundo, das que garda unha especial lembranza de Sumatra e Java, están cheas de anécdotas e capturas moi especiais, aínda que a súa inspiración de base está sempre en Galicia. Entre as súas praias preferidas están Valdoviño e Doniños -Ferrolterra-, así como Lariño -en Fisterra- ou Burela -en Lugo-.