A actual crise da somocense Siemens-Gamesa levarase ao pleno en San Sadurniño

O goberno local súmase a outros nesta iniciativa que busca darlle apoio aos 300 traballadores da planta galega que ven perigar o seu futuro laboral
DSC00335-web1281x1920H80

Este xoves, último do mes de setembro, toca pleno ordinario en San Sadurniño. Unha sesión marcada por unha moción proposta polo Comité de Empresa de Siemens-Gamesa nas Somozas, unha medida que buscará asegurar o futuro da factoría eólica, que neste momento ten carga de traballo até o mes de decembro.

Representantes dos traballadores e traballadoras reuníronse este mediodía cos tres grupos municipais para detallarlles a situación e recabar o seu apoio para o texto que se votará mañá no pleno. Tal e como explicaba antes da xuntanza o presidente do comité, Sergio López, a «principal preocupación» do persoal é a falta de carga de traballo a curto e medio prazo. «Asegúrannos carga de traballo ata o 20 de decembro e vemos que non hai interese por parte da empresa en darnos información máis aló desa data».

Deslocalización cara Portugal

A parte laboral teme que a empresa estea reducindo a actividade na planta somocense co obxectivo de levar toda a produción cara á planta adquirida hai pouco na localidade portuguesa de Vagos, onde se fabrican pás de maior envergadura e con máis saída no mercado. «Alí estanse facendo grandes investimentos e están indo todos os modelos novos de gran tamaño, que é o que demanda o sector, mentres que nós levamos fabricando pás máis pequenas que están en declive comercial sen ningún investimento de por medio», asegura Sergio López.

Apoio unánime á planta somocense

En xogo están os postos de traballo de máis de 300 persoas de moitas comarcas, polo que o comité demanda o apoio dos municipios, da Xunta e do Goberno central para que se aprobe unha moción que, en último caso, reivindica o mantemento e a aposta de Siemens-Gamesa pola planta das Somozas.

Entrementres non descartan outras medidas de presión, pendentes do resultado do encontro que van manter o próximo 6 de outubro con directivos da firma e tamén representantes da Xunta de Galicia. «Veremos que propostas fai a empresa e cales fai a Xunta e, despois desa xuntanza, tomaremos as decisións que haxa que tomar», recalca o presidente do Comité de Empresa.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.