A actual crise da somocense Siemens-Gamesa levarase ao pleno en San Sadurniño

O goberno local súmase a outros nesta iniciativa que busca darlle apoio aos 300 traballadores da planta galega que ven perigar o seu futuro laboral

Este xoves, último do mes de setembro, toca pleno ordinario en San Sadurniño. Unha sesión marcada por unha moción proposta polo Comité de Empresa de Siemens-Gamesa nas Somozas, unha medida que buscará asegurar o futuro da factoría eólica, que neste momento ten carga de traballo até o mes de decembro.

Representantes dos traballadores e traballadoras reuníronse este mediodía cos tres grupos municipais para detallarlles a situación e recabar o seu apoio para o texto que se votará mañá no pleno. Tal e como explicaba antes da xuntanza o presidente do comité, Sergio López, a “principal preocupación” do persoal é a falta de carga de traballo a curto e medio prazo. “Asegúrannos carga de traballo ata o 20 de decembro e vemos que non hai interese por parte da empresa en darnos información máis aló desa data”.

Deslocalización cara Portugal

A parte laboral teme que a empresa estea reducindo a actividade na planta somocense co obxectivo de levar toda a produción cara á planta adquirida hai pouco na localidade portuguesa de Vagos, onde se fabrican pás de maior envergadura e con máis saída no mercado. “Alí estanse facendo grandes investimentos e están indo todos os modelos novos de gran tamaño, que é o que demanda o sector, mentres que nós levamos fabricando pás máis pequenas que están en declive comercial sen ningún investimento de por medio”, asegura Sergio López.

Apoio unánime á planta somocense

En xogo están os postos de traballo de máis de 300 persoas de moitas comarcas, polo que o comité demanda o apoio dos municipios, da Xunta e do Goberno central para que se aprobe unha moción que, en último caso, reivindica o mantemento e a aposta de Siemens-Gamesa pola planta das Somozas.

Entrementres non descartan outras medidas de presión, pendentes do resultado do encontro que van manter o próximo 6 de outubro con directivos da firma e tamén representantes da Xunta de Galicia. “Veremos que propostas fai a empresa e cales fai a Xunta e, despois desa xuntanza, tomaremos as decisións que haxa que tomar”, recalca o presidente do Comité de Empresa.

Salir de la versión móvil