O concelleiro de Seguridade, Tráfico, Mercados e Consumo percorreu esta mañá a feira de Ferrol da rúa Irmandiños, a primeira xornada desde o parón que provocou a crise sanitaria da covid-19. Estivo acompañado por axentes da Policía Local, que revisaron a localización de cada un dos postos do mercadillo co fin de elaborar un plano coa súa distribución definitiva que dará pe ao pintado de marcas no firme para delimitar o espazo que poden ocupar.
Para elo teranse en conta tanto os metros de ocupación autorizados en cada unha das licencias como as medidas de seguridade e protección establecidas polas autoridades sanitarias con motivo da pandemia e que xa se cumpriron na xornada de hoxe, na que a feira ocupou só unha das marxes da vía para facilitar tamén a separación entre os clientes.
En canto ás marcas no firme que fixarán o espazo que pode ocupar cada un dos postos, estas estarán pintadas antes da próxima feira, que terá lugar o terceiro domingo de agosto. Por outra banda aproveitouse para lembrar o uso obrigatorio da máscara. De feito distribuiuse entre os vendedores carteis informativos que lembran a obrigatoriedade do uso da máscaras para a súa colocación nos seus postos, ao igual que xa se fixo no mercadillo de Recimil, que retomou a súa actividade ambulante o pasado 6 de xullo.