A Ludoteca municipal da Solaina reabrirá as súas portas o vindeiro luns 21 de sembro para iniciar os trámites de inscrición do curso 2020/2021. As familias con fillas e fillos de entre 2 e 12 anos que desexen matriculalos poderán facelo os vindeiros días 21 e 22 en horario de 16.00 a 20.00 horas nas citadas instalacións, ubicadas no número 2 da rúa Cardenal Cisneros, na Solaina.
Inscricións a partir do 23 de setembro
A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que a partir do mércores 23 de setembro comezarán a acudir os menores nos horarios establecidos, de luns a venres, podendo tamén tramitarse as inscricións na propia ludoteca de 19.00 a 20.00 horas ata esgotar as prazas dispoñibles. A maiores, as persoas que o desexen poderán recoller os formularios de inscrición e a normativa a aplicar pola Covid-19 no Servizo Sociocomunitario municipal -no primeiro andar do Concello- a partir do luns 21 en horario de mañá, de 8.30 a 13.30 horas.
Taibo indicou que se ofertarán tres quendas de inscrición na ludoteca, para asistir os luns e mércores de 16.00 a 19.00 horas, os martes e xoves ou os venres, nese mesmo horario, e explicou que terán prioridade as usuarias e usuarios que se inscriban a tempo completo na opción elixida.
Medidas anti-Covid
Así mesmo, recalcou que debido á actual situación sanitaria son de obrigado cumprimento as medidas establecidas tanto para o acceso como para o desenvolvemento das diferentes actividades programadas na Ludoteca municipal.
O uso obrigatorio de máscara, levando unha de reposto, levar calzado de uso exclusivo para entrar nas instalacións, manter a distancia de seguridade interpersoal, que o menor vaia cunha única persoa de acompañante e cumprindo estritamente os horarios son algunhas destas medidas.
As persoas que desexen recibir máis información poden facelo escribindo ao correo electrónico: [email protected] ou chamando ao número de teléfono 981 389 284.