Esta mañá deu comezo a denominada fase cero do plan de desescalada coa posibilidade de que os comercios de ata 400 metros cadrados abran ao público, pero de forma moi limitada. Quedan fóra as grandes superficies, os centros e os parques comerciais. Desde tendas de roupa a librerías ou ferraxerías poderán levantala persiana, pero con cita previa, atención individualizada e mantendo as distancias (1,5 a dous metros). A barberías e perruquerías, máis afeitas concertar os servizos con antelación, deberán traballar ademais con equipos de protección individual, ao ser moi difícil manter a distancia mínima de seguridade, con sucede por exemplo cos servizos de fisioterapia.
Sen embargo, a meirande parte do comercio ferrolán non abriu todavía as súas portas. Foron poucos os negocios que levantaron a verxa para atender a algún cliente que tiña cita previa e, tal e como sinala o presidente dos comerciantes da Magdalena, Cristóbal García, “resulta inviable abrir para atender a un só cliente”. Segundo explican dende a entidade esta semana “servirá para pulsar o ánimo dos consumidores” e será o próximo luns, día 11, “cando se volva á normalidade no comercio”.
En Ferrol, a maioría dos negocios terán horarios reducidos debido ás importantes restricións que se impoñen dende a Administración central. O representante dos comerciantes do centro de Ferrol cree que “a xente está animada a saír a rúa como se está vendo estes días” e confía en que volvan a recuperar os seus hábitos de consumo sen medos. “Quedou demostrado que os supermercados, que estiveron abarrotados, non foron un foco de contaxio, así que menos o serán os pequenos comercios, que ademáis cumpriremos ao 120% as medidas de seguridade”, explicou.
Outra das imaxes desta mañá foi o reparto de mascarillas por parte dos corpos de seguridade -Policía, Bombeiros e Protección Civil- aos viandantes, consumidores e usuarios dos transporte público. En total, o Concello de Ferrol repartirá 15.000 unidades ao longo do día.